PRESENTACIÓN EN COMBARRO DA GUÍA TURÍSTICA DO CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO.

PRESENTACIÓN EN COMBARRO DA "GUÍA TURÍSTICA DO CONXUNTO HISTÓRICO DE COMBARRO. HISTORIA, ARQUITECTURA E PATRIMONIO CULTURAL"

SALÓN DE ACTOS DA COMUNIDADE DE MONTES DE COMBARRO. 
DOMINGO, 11 DE MARZO. 12:30 HORAS



O domingo 11 de marzo, ás 12:30 horas, presentamos no Salón de Actos da Comunidades de Montes de Combarro a Guía Turística do Conxunto Histórico de Combarro. Historia, Arquitectura e Patrimonio cultural. O seu autor é o profesor da Universidade de Vigo Rafael Vallejo Pousada, membro dos grupos de investigación TURHISGAL e ECOSOT, e investigador principal de proxecto Historia do turismo en Galicia. Orixes e desenvolvemento no século XX ( HAR2014-52023- C2-2- P) financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, do que o contido desta Guía benefíciase.

A presentación correrá a cargo de Luciano Sobral, Alcalde do Concello de Poio; de Chelo Besada, Deputada provincial e Tenenta de alcalde do Concello de Poio, así como o autor da Guía, Rafael Vallejo.

O Concello de Poio e Deputación de Pontevedra, colaboran no financiamento da obra.



Guía Turística do Conxunto Histórico de Combarro. Historia, Arquitectura e Patrimonio cultural actualiza a publicada en 2013 por Rafael Vallejo. Amplía o seu contido con datos actualizados ata 2017. O apartado "Descubrimento turístico de Combarro e declaración como Conxunto Histórico" incorpora o labor de promoción de Combarro efectuada pola Xunta Provincial de Turismo de Pontevedra en 1929, da man do secretario da mesma, Xosé Filgueira Valverde, que logo sería Director do Museo de Pontevedra, en que se combinaba a preocupación polo desenvolvemento turístico e a conservación e posta en valor da arquitectura vernácula. Engade igualmente un apartado final, a modo de epílogo, cunha reflexión sobre os activos e pasivos do turismo en relación ao patrimonio cultural e o debate vixente hoxe día sobre este particular. Un debate que conecta, en Galicia, co histórico que propiciara a Xeración Nós nas décadas de 1920 e 1930, a través fundamentalmente de Vicente Risco e Ramón Otero Pedrayo.

Outra das novidades desta edición en galego é que amplía o seu contido fotográfico, cun caderno pequeno de fotos cuxos autores son Ramón Romay e Carlos Docampo. Esta Guía Turística do Conxunto Histórico de Combarro mellora tamén o seu formato respecto da versión previa en castelán. Trátase dunha edición moi coidada, coa cuberta en tapas duras, de 23 x 23 centímetros. Este tamaño permite resaltar a calidade das máis de 100 imaxes históricas e actuais de Combarro reproducidas na Guía.


O libro está editado pola Asociación para a Defensa e Promoción do Conxunto Hitórico de Combarro, A Solaina, que conmemora o seu XXX Aniversario.

O seu Índice temático é o seguinte:
1. A xeografía
2. Toponimia
3. Historia
4. Descubrimento turístico de Combarro e declaración como Conxunto Histórico
5. Arquitectura
5.1. Casa vivenda
Casa terreña
Casa labrega
Casa con sobrado
5.2. A arquitectura do pan: hórreos, eirados, muíños e fornos
5.3. A arquitectura do mar: peiraos, ramblas e muro costeiro
5.4. Arquitectura relixiosa: cruceiros e igrexas
6. Festas e dinamismo sociocultural
Epílogo



Ficha técnica: Rafael Vallejo Pousada, Guía Turística do Conxunto Histórico de Combarro. Historia, Arquitectura e Patrimonio cultural, Poio, A Solaina, 2017, 60 páxinas. ISBN: 978-84-697-8147-0. Depósito Legal: PO 703-2017.

Comentarios

Entradas populares de este blog

Noticia uvigo.gal

“Conservas de Combarro”

Combarro. Arquitectura. Casa con sobrado.